http://niquelarte.org/index.php/gl/home/niquelarte

Niquelarte foi constituida como Asociación Cultural no ano 2010 e, un ano máis tarde, inscrita en Cooperación Galega en vías de facer realidade os proxectos que comezaban a se argallar [1] en latitudes emigradas, entre a Galiza e o Yucatán [#GalYuc].

Niquelarte xorde na cabeza duns rapaces, vencellados ao mundo da conservación do patrimonio, que buscaban unir procesos técnicos e científicos para provocar unha acción-reacción de pensamento coma un elemento químico que, ó porse en movemento, convírtese nunha acción social.

Dende un inicio traballamos na construción dun modelo cultural sostible, isto é colaborado entre todas as persoas que en certos momentos e contextos nos xuntamos con inquedanzas comúns ou, de xeito máis sinxelo, como compañeiras coa necesidade de ser escoitadas, acompañadas, valoradas e que sexamos quen de tomar decisións no espazo social que habitamos e no que nos relacionamos como afectada/os pola patrimonialización dos nosos comúns. Hoxe somos un colectivo de persoas diversas, non contamos con subvencións e camiñamos grazas á colaboración de compañeiras en diferentes xeografías.

O nome deste proxecto ten que ver cun elemento químico, o níquel, e cun obxectivo: visibilizar as comunidades que coidan os comúns contidos na paisaxe en clave de capas temporais. Interpretamos o pasado, activamos o presente e soñamos/deseñamos o futuro.

Niquelarte é unha ferramenta de traballo caleidoscópico coa que nos convertemos en mediadores -permacultora/es patrimoniais-.

[1] Argallar en galego ten varios significados entre outros armar, discorrer ou facer plans fantásticos.