Miércoles, 27 Febrero 2013 10:54

Máxima Máxica

Written by 

Hai tempo que quería escribir unha opinión caníbal sobre o estado da cuestión patrimonial en Galicia. Canibalismo foi concibido para falar de patrimonio mais, sobre todo, para estar atento e informarvos do que está a pasar no marco galego. Hoxe, e aproveitando a calidade de emigrante retornada dende hai un par de semanas, é tempo para escribir sobre isto; non dun xeito integral senón por etapas. Comezar a liña de opinión, vaia. E, como facelo? Pois tratando unha máxima máxica: a conservación do patrimonio é unha acción colectiva.

image

Como conservadora-restauradora, no último ano teño estado bastante activa na procura de que a propia profesión sexa quen de entender isto da participación colectiva. Estase a crear/revitalizar toda unha rede de asociacións profesionais para pór en práctica o principio de que ti só non podes, pero facendo forza como colectivo si. Nos tempos modernos do procomún é preciso aprender de novo a colaborar, algo que incluso pódese aprender facendo exercicios de investigación etnográfica nos montes comunais galegos.

image

Pero sigamos co tema do estado da cuestión patrimonial en Galicia dende o punto de vista dos conservadores-restauradores. No mes de setembro, este despegar colectivo fixo que se redactara a Declaración de Santiago en Defensa da Conservación do Patrimonio Cultural Galego. Esta carta foi froito dunhas xornadas de debate nas que participaron a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens culturais de Galicia (ESCRBBCCG), a Asociación Profesional de Conservadores-Restauradores de España (ACRE), a Asociación de Conservadores e Restauradores de Bens Culturais de Galicia (ARCOBENS), a Asociación de Empresas e Profesionais da Conservación e Restauración de Galicia (CRG) e a sección de patrimonio de Bens Culturais do Consello da Cultura Galega. Despois conseguiron máis apoios: a declaración de colectivos profesionais de Arqueoloxía, Historia da Arte e as tres universidades galegas.

A cuarta fala de varias cousas, entre as que hai máximas evidentes que é necesario seguir repetindo por escrito, como a vulnerabilidade do patrimonio e a súa situación de risco. Outros aspectos camiñan cara a definición e reclamación das profesións implicadas: a necesaria interdisciplinariedade, o reparto de funcións, a calidade nas execucións, xestión e deseño dos proxectos; todo baseado na calidade (incluíndo a calidade na formación) e na metodoloxía científica. E polo tanto proponse a creación do Instituto Galego de conservación do PCG como coordinador. Asemade, faría outra función fundamental que é a de axudar aos profesionais a aforrarse todo a lea de procedementos administrativos que as lexislacións favorecen nas intervencións sobre os bens patrimoniais.

image

Até aquí todo segue un camiño institucional e de orde dentro dos marcos establecidos no mundo burocrático actual. Todo son cuestións de procedementos administrativos que se solucionarían con decretos e documentos de corte lexislativo ou de recomendacións que fan necesaria a creación do Foro do Patrimonio Galego como figura de debate das liñas de traballo que hai que seguir. Isto precisa ademais dunha vontade política na que tamén habería que traballar, e non sabemos se cas mudanzas actuais isto acontecerá. De tódolos xeitos consideramos esta liña de actuación importante e necesaria.

Sen embargo, en Niquelarte definímonos como permacultores e activistas patrimoniais. Cremos no principio da conservactivación ou desenvolvemento social baseado en valores patrimoniais. Por iso dentro da carta de Santiago o que máis nos interesa son dúas liñas de traballo: a creación de catálogos e inventarios que sexan útiles e a importancia da valoración social, ou a capacidade da sociedade de definir que é e para que serve o seu patrimonio. Ambas liñas están perfectamente unidas e traballadas nas diversas accións que se están a elaborar dende asociacións e colectivos da sociedade civil organizada, como ven de demostrar unha iniciativa social de creación dun inventario. Estas iniciativas veñen dende a colectividade, dende a transdisciplinariedade e dende o traballo comprometido. É aí onde os profesionais xa non temos que debater senón actuar, facéndonos membros activos e poñendo os nosos coñecementos a prol da capacidade de acción.

Cal son as necesidades sociais do patrimonio? Como pór en práctica todo isto dende a perspectiva social? Moitas son as iniciativas comunitarias para a recuperación do patrimonio, revalorización e reutilización dos espazos. Niquelarte forma parte activa e colabora con algúns deles. Estase a tecer tamén unha rede dende a práctica social, dende a xente que recupera e reordena os seus territorios, obxectos, memorias. A nosa tarefa agora é ligar as dúas redes e facer real a máxima máxica de que a conservación do patrimonio é unha acción colectiva.

image

Texto e imaxes por María Masaguer

Edición e imaxes por Adela Vázquez

blog comments powered by Disqus