Luns, 03 Decembro 2012 09:51

Entremos na Panificadora Conservactivación de Patrimonio Industrial

Written by 

 

Silos da panificadora

Hai xa varios anos que o colectivo EntremosnaPanificadora anda enredando nas tres capas temporais da vida deste edificio: documentación do pasado, análise do presente e proposta colectiva para o futuro.


Que papel tivo/ten/terá a Panificadora na trama urbana viguesa?


A resposta non é doada, supón traballar dende moitas perspectivas. O traballo amplifícase cando ademais temos en conta que a Panificadora é un elemento central dunha paisaxe.


Queremos conservar a Paisaxe Industrial da Ría de Vigo? Como?


Hoxe entrevistamos a Uxío Reinoso. Falar con el sobre o Vigo industrial é perderse entre miles de ideas, datos, rexistros e propostas. Presentamos unha serie de preguntas para saber de que se trata isto de “Entrar” na Panificadora e convidámoste a entrar connosco.


María Masaguer: Como xorde a idea de crear EntremosnaPanificadora?

Uxío Reinoso: Xurdiu fai cousa de catro anos, dun xeito espontáneo, nun círculo de amigxs e coñecidxs. Por unha parte, daquela xa todos compartiamos a impresión “estética” da Panificadora e críamos que a cidade precisaba de novos espazos públicos; así que comezamos a averigualas súas características, historia e situación na planificación urbanística. Chegados a ese punto tomamos conciencia de que era preciso organizarse nun colectivo e achegarse ao resto da cidadanía, mudalo futuro da Panificadora para que fose un espazo de oportunidade.


MM: A Panificadora, como a describe Uxío?

UR: É unha xoia do Patrimonio Industrial Galego. Un espazo moi grande e moi complexo, con salas de moi diversos tamaños, rúas e prazas, solucións de arquitectura e enxeñería moi interesantes. Foi feita para o tránsito simultáneo de persoas, mercadorías e maquinaria. Sorprende como está todo intercomunicado; é unha infraestrutura cunhas condicións ideais para ser reutilizada como un espazo multifuncional.

Ten un incrible magnetismo e poder de inspiración, moita xente queda namorada da súa imaxe, gústalle a súa memoria e soña coa súa reutilización. Nestes anos de actividade de Entremos sorprende a cantidade de xente que ten algo que contar sobre a Panificadora: “o meu pai traballou alí”, “a miña nai ía compralo pan”, “eu pintei un cadro con ela”, “teño un colega que está a preparar un proxecto de reutilización”...

Por último, o edificio da Panificadora é unha testemuña da historia recente de Vigo: nos anos vinte revolucionou o sector da panadería na comarca; nos trinta foi a primeira obra de Vigo que empregou encofrado de formigón armado dun xeito masivo; nos corenta, na posguerra, abasteceu de pan e fariña a centos de miles de persoas; nos sesenta foi socia da Pescanova na súa aventura dos precociñados-ultraconxelados; nos sesenta anos de existencia a Compañía Viguesa de Panificación (CVPSA) empregou a moita xente (en Vigo e en Castela) e serviulle ao seu fundador, Antonio García Valcarce, para se converter nun dos empresarios-capitalistas máis importantes de Galicia.


Interior da panificadora


MM: Como cres que a perciben os habitantes da cidade e, concretamente, os veciños do barrio?

UR: Como dixen, en xeral a xente apréciaa moito. A xente de Vigo mesmo sen coñecer moito dela, ten aquela impresión “estética”. En certo sentido nela resúmese a “estética” de toda a cidade (gris, industrial, desleixada); tamén sorprende que ás veces atopas xente de Vigo que nin repara na súa existencia (pero para iso está a nosa plataforma).

Xs veciñxs do barrio saben todxs da súa importancia histórica, pero tamén son elxs xs que padecen o estado de abandono na que a teñen os seus propietarios e o Concello de Vigo... Así que hai diversidade de opinións, un(hx)s creen que hai que tirala e outrxs que hai que rehabilitala; pero todos están de acordo en que hai que actuar con urxencia e “que non se pode ter iso trinta anos nese estado (de abandono)”


MM: Que é Fermento Danubio?

UR: O nome tomámolo da “Levadura Danubio” que era a que comercializaba a CVPSA.

É un proxecto de participación cidadá de Entremos, no que se recollen propostas de novos usos para a Panificadora feitos por unha multiplicidade de individuos ou colectivos. A idea é que a xente pense (e cuestione) os seus proxectos de reutilización: en que consiste exactamente a actividade, cal e canto espazo da Panificadora sería o axeitado para desenvolvela, con que outra iniciativa poderías asociarte, que tipo de axudas e xestión precisaría... Aquí debemos ser críticos con nós mesmos, o formato era moi complexo e apenas se recolleron propostas, cousa que impediu un dos obxectivos do Fermento Danubio que era presentar ante as administracións un dossier que mostrase o “interese popular” na reutilización... Actualmente estamos a traballar con Tankollectiv outro xeito de canalizar ese “interese popular”.


MM: En que estades a traballar agora mesmo?

UR: Pois un pouco en redirixir e reactivala Plataforma. Xa se cumpriu parte dun dos obxectivos do Manifesto de Entremos na Panificadora: a conservación integral (faltaría a rehabilitación); estamos a preparalo informe e a recoller apoios para a declaración BIC... Para cumprir os outros dous obxectivos precisaríamos dunha maior implicación da cidadanía: é preciso desenvolver unha nova campaña de achegamento... Dentro de pouco daremos noticias.


MM: Como valorarías o Patrimonio Industrial da Ría de Vigo?

UR: É moi desigual, hai elementos de moi diverso tipo, tamaño, antigüidade e estado de conservación.

O máis salientable é o conxunto que conforman, é unha cadea de fitos históricos que explican a nosa historia recente, como en cousa dun século a nosa ría pasou de ser unha comarca calquera de Galicia a sela máis poboada e unha potencia económica, política e cultural a nivel rexional.

Alén desta “lección” de historia (que é universal), o Patrimonio Industrial é un recurso, unha infraestrutura cun valor engadido para a nosa comunidade. Nestes elementos de Patrimonio Industrial poderíamos estar agora mesmo a ensaiar e desenvolver novas formas de economía sostible, e unha cultura e sociabilización máis horizontal e accesible. lamentablemente apenas se fixo nada, e as vellas fábricas de Vigo son xoguetes rotos do soño capitalista que permanecen fechadas á cidadanía.


MM: Poderías falarnos doutros tres edificios icónicos analizando valor histórico, situación actual e soñando unha posible proposta?

UR: A miña favorita é “La Artística”, un complexo da industria metal-gráfica que está entre a Praza da Industria e Barreras: no seu momento foi a máis importante deste sector de toda España; como estivo funcionando ata cousa dunha década e vixiada ata fai ben pouco está nun excelente estado de conservación (incluso a maquinaria), é tan grande que non me atrevo cunha única proposta... Pero o taller mecánico posiblemente fixese unha excelente sala de conferencias e exposicións con luz natural.

Outra que me gustaría sinalar é “La metalúrgica” (a competencia de “La Artística”) en García Barbón, lamentablemente tan só se conserva a fachada, actualmente está en proxecto facer torres de vivendas... Eu creo que o barrio e a cidade non precisan máis vivendas, pola contra nótase certa carencia de canchas deportivas públicas (so hai que mirar as colas que se fan na do Areal), simplemente iso: conservar a fachada e detrás catro canchas e un vestiario.

Por último a “Fábrica do Alemán”, en Rande, que comezou sendo unha salga no século XIX e despois converteuse en conserveira. A paraxe é incriblemente fermosa (esa fermosura post-industrial da Ría de Vigo), alí tes o pequena vila de Rande coas súas hortas e barquiños de pesca rodeada de agresións industriais: a ponte de Rande, a vía do tren e os dous cargadoiros de minerais en ruínas. Actualmente o edificio está a sufrir unha intervención moi agresiva, estase a reformar para convertela no “Museo da Batalla de Rande”, disque van restaurala maquinaria pero o que xa se perdeu foron as pías de salga e destripado do peixe. A miña proposta sería habilitalo tamén como punto de partida para un roteiro polo patrimonio industrial marítimo... O peirao xa está alí e o “Bernardo Alfagueme” está agardando un destino.


Anaqueis


MM: Pensas que é posible a conservación do patrimonio industrial vigués? De que xeito?

UR: Si é posible, polo menos unha parte del. O primeiro e catalogalo (cousa que non fixo aínda ningunha administración pública), para saber o que hai e en que estado está, simultaneamente facer unha campaña pública de valorización, que a cidadanía de tódolos concellos da ría o coñeza e poida interesarse e participar no seu futuro. O seguinte sería facer unha planificación, escoller e focalizalas forzas nunha serie de intervencións con rendibilidade social “asegurada”; simultaneamente a isto habería que pedir “axuda”, que institucións, comunidades e individuos con experiencia na posta en valor e reutilización de patrimonio industrial poidan asesorarnos e provernos de recursos. Chegados a este punto todos deberíamos ter adquirido esa “cultura política” (“o patrimonio industrial é noso e queremos desfrutalo”) de tal xeito que dende entón a conservación e reutilización do Patrimonio Industrial sexa un proceso natural na nosa comunidade.


MM: Como imaxina Entremos a secuencia de “conservactivación“ da Panificadora?

UR: Pois o xeito ideal sería aquel no que as administracións cumprisen a súas obrigas e a cidadanía se involucrase. Se isto fose así, o primeiro que habería que facer sería vencela propiedade privada e o seu abandono do inmoble: que a Panificadora sexa pública e sexa declarada Ben de Interese Cultural. De seguido sería preciso entrar nela, limpala e aseguralas estruturas deterioradas, unha vez feito isto xa se podería mostrar á cidadanía, de tal xeito que coñeza os espazos e as súas potencialidades. Entón, dende este coñecemento habería que facer un “concurso” de propostas de uso, e dependendo do respaldo social e os custos de cada un pois ir implementándoos... Aquí hai que ter en conta que Panificadora ten moitos espazos en moi diverso estado de conservación, seguramente o propio sería facer unha reutilización por fases.

No caso de que a administración continúe sen cumprir as súas obrigas, a cidadanía tería que actuar con urxencia e facer ela mesma unha intervención directa.


MM: E para acadar isto, cal son os próximos pasos?

UR: Continuar a difundilo valor da Panificadora. Avanzala cooperación entre os diversos colectivos e individuos que “amamos” a Panificadora. Botar adiante a declaración BIC. Facer presión ao Concello de Vigo para que cumpra a súa promesa de expropiación e dunha vez por todas asuma que a Panificadora e patrimonio de todos e que é preciso coidala. Involucrar a cidadanía... Como dixen pronto daremos noticias e abriremos a plataforma á vosa participación.


Reseña biográfica e links:


http://www.entremosnapanificadora.com/

http://tankollectif.blogspot.com.es/


Imaxes cortesía de Entremos na Panificadora e Uxío Reinoso

Entrevista por María Masaguer

Edición por Adela Vázquez

Correción lingüística por Xúlio Zé

More in this category: « Máxima Máxica
blog comments powered by Disqus