Martes, 11 Decembro 2012 16:53

SonDoKiosko

Written by 

Kiosko de Betanzos

E se pensáramos nos palcos como caixas de música, caixas escuras ou caixas para monicreques?


«…Cuanto más se retrasa la construcción de un buen kiosco para conciertos, tanto más crece el deseo popular. ¿Es acaso obra tan indispensable que el público no esté sin él satisfecho?.
Parecerá una paradoja, pero tiene la evidencia del hecho: pueblos donde no existen asilos, ni hospitales, ni locales higiénicos para escuelas, tienen sin embargo kiosco para sus bandas y para las agenas [sic.], que de todo hay  ejemplos. O declaramos insensatos a estos pueblos o de lo contrario reconoceremos que sus obras obedecen a sus necesidades.
La música tiene su fundamento en una facultad natural, satisface un apetito de la sensibilidad. No solo de pan vive el hombre, se ha dicho: por el influjo benéfico que ejerce este arte ha sido ya divinizado por los pueblos más cultos de la antigüedad… No bastaba a Apolo su arte, hubo que fingirlo de febea hermosura: he aquí otra enseñanza.
El pueblo ve en el palco de conciertos un monumento artístico elevado para sublimar un arte que le encanta y seduce, quiere rendir tributo a lo que le satisface y vaen su entusiasmo hasta la apoteosis. Al pueblo en nombre de la cultura podrá negársele una plaza de toros, pero nunca un templo de Euterpe.»

Francisco Javier Martínez Santiso
Palco da Música de Betanzos, 1913        
(Cit. Anuario Brigantino 2009, nº 32 Alberto Erias Morandeira)

Unha paisaxe precisa de ser poboada. No ecosistema rural hai moitos bens que conservar. Os palcos da música son elementos únicos que están a desaparecer por causa do abandono. A evolución da escena musical xirou arredor destas construcións de pedra con cuberta, a cal ten unha dobre función: por un lado para se gardar das inclemencias meteorolóxicas e por outro para lograr unha boa acústica.

A súa orixe remóntase á segunda metade do século XIX e foi sufrindo modificacións co paso dos anos, na súa tipoloxía e forma e adaptándose ás necesidades das formacións musicais (primeiro os palcos circulares para as bandas de música; despois os horizontais para as orquestras). Historicamente os palcos convértense en símbolos intencionados das festas patronais, xa que o resto do ano non se lles da continuidade coa posta en marcha de concertos regulares. Pouco a pouco as orquestras foron saíndo dos palcos, se cadra porque as súas instalacións precisaban dunha montaxe máis complexa. Comezou entón a competición por seren as mellores e máis dotadas, “sendo tal o éxito que practicamente a día de hoxe case tódolos grupos e orquestras de Galicia contan co seu propio escenario móbil, liberando deste xeito ás comisións de festas da realización física deste elemento primordial para a celebración de calquera verbena popular”, segundo palabras de Xaime Fandiño[1]. E mentres os lindos palcos fican esquecidos e moitos son trasladados ou destruídos, a historia abandónase e retírase, unha vez máis, da memoria dos pobos.

As festas continúan vivas pero os palcos mortos. Nós xustificamos a posta en marcha da “conservacción” deste patrimonio a partires da importancia da recuperación da memoria histórica, dos usos e da recuperación da funcionalidade dos palcos; da necesidade real que as parroquias teñen de revivilos de multitude de xeitos adaptándose ao mundo contemporáneo. Hai palcos que reciben un uso puntual en temporada estival, durante as festas locais, con concertos dominicais de bandas de música ou grupos folclóricos; sen embargo as orquestras substituíronos por palcos móbiles cunhas condicións técnicas que superan as dos antigos palcos.

Camión da orquesta

As orquestras non teñen que desaparecer, pois a verbena non é tal sen elas, pero é posíbel mantelo uso dos palcos a partires dos novos usos, de novos códigos no espazo público e sonoro e dos habitantes das parroquias.
O noso obxectivo é a posta en valor dun patrimonio en perigo, en desuso e risco de desaparición: os palcos da música tamén coñecidos como quioscos ou templetes.

Tal obxectivo constrúese a partir de accións de participación que recuperen a memoria histórica, o patrimonio material e inmaterial e a funcionalidade do artefacto en clave de “conservactivación” do espazo público.

Proponse reconstruír a identidade dunha zona xeográfica a través da memoria colectiva e deseñar un espazo de socialización e cooperación onde tódolos actores involucrados sintan a necesidade, a inquedanza e as ganas de pór en marcha a acción e desfrutar dela dun modo sostíbel, logrando que se manteña no tempo. Todo isto en base áss necesidades da comunidade protagonista. Sendo os beneficiarios as comarcas, parroquias, cidades de Galiza e os seus habitantes.

De que xeito? producindo novas pezas a partires de diferentes disciplinas e campos de creación (exhibicións, creacións, encontros, produción, talleres, clases, performances, conferencias, exposicións, xogos e actividades lúdicas, mercados, literatura, arte urbana e outras moitas manifestacións).

As inspiradoras fotografías de Luís Díaz Díaz e o seu proxecto Music Boxes amósannos diferentes tipoloxías de palcos construídos entre os años 60 e 70. Algúns podemos imaxinalos como caixas escuras onde proxectar material audiovisual; outros caixas de música onde danzar, bailar, tocar ou cantar; ou caixas onde marionetas e monicreques contan historias e se moven, coma no teatro ou no circo; ou incluso muros perfectos para pintar graffitis. Ideas e propostas que teñen cabida nestes espazos públicos e todas satisfán o apetito da sensibilidade e a emoción.

Queremos formar parte dunha construcción social dinámica que cremos tan necesaria na Galiza e xerar unha rede distribuída de participación e acción. Relatando e rexistrando en campo, documentando, participando, xerando un equipo transdisciplinar do que todos fagan parte, conversando, escoitando as historias, as lembranzas, a memoria…

As caixas de música están en silencio, sen vida…
podemos facelas soar de novo, abrilas…


Deste xeito os palcos reviven e créase, dende o presente, unha nova identidade asociada ao pasado e pensada para o futuro.

[1]Fandiño Alonso, X. Do palco ao escenario. Unha aproximación analítica á industria da música nas festas populares de Galicia. Equipo Canal Campus da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).


Adela Vázquez
Xúlio Zé

Inspirados nun artigo de NoComún

blog comments powered by Disqus