Sábado, 02 Marzo 2013 06:15

SOS Estaleiro. Conservacción en proceso

Written by 

image

Hai dous anos que coñecemos este logotipo. Pertence a unha plataforma que vai medrando, chea de xente activa que traballa para pór en valor, conservar e poder continuar co desfrute...

image

...deste, o estaleiro de Purro. Unha carpintaría de ribeira situada no perímetro litoral da vila de Bueu e un dos únicos exemplos que quedan na Ría de Pontevedra.

image

Hai dous anos, a iniciativa social da plataforma acadou que a Xunta incluíra a carpintaría no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural. Pola contra, hoxe o cartel que pende das columnas do estaleiro fala do "inventario do abandono". Unha das razóns é a lea administrativa que Patrimonio e o Concello de Costas teñen que solucionar...

image

...pero a iniciativa social segue actuando. Piden a posta en valor, conservación, protección e difusión da memoria. Saben ben cal son os problemas actuais e teñen claro cal son os pasos cara o futuro. O obxectivo é a Conservacción do estaleiro; ben sexa como unha parte do Museo Massó no que xa hai algunhas ferramentas preparadas, ben a partires dunha recuperación da carpintería como tal. Xa temos varios exemplos noutras vilas. Porque conservar é valorar pero tamén voltarlle un uso ou buscarlle un novo relacionado.

Cando visito o lugar imaxino que lle voltan ao edificio o seu oficio e recuperan de xeito paralelo todo o mundo das embarcacións tradicionais, deste mar de Bueu que vai esquecendo a súa historia. O edificio sabe a futuro, aínda que se palpe como ruinoso e asemelle baleiro, cheira a actividade.

Como conservadora, tamén fago unha reflexión analítica dos materiais. Dende o meu punto de vista a esencia da arquitectura do estaleiro ten que ver con solucións improvisadas de materiais, unha ubicación estratéxica para a súa función e un crecemento e desenvolvemento construtivos en base ás súas necesidades. Hoxe en día, en termos de conservación, os materiais están deteriorados e caducos, a estrutura é feble e os ventos do mar traballan contra a súa estabilidade física e química.  Como rehabilitalo? Soamente a través do uso colectivo, do uso dunha nova carpintaría de ribeira.

A construción deste obradoiro iría dicindo cal son os materiais e o xeito de colocalos para manter esta lóxica de reciclaxes e usos e para que a función e o edificio poidan seguir traballando en conxunto. Cada unha das madeiras do estaleiro de Purro foi colocada con un porqué procedente da súa propia actividade. Creo que isto é parte esencial do que hai que conservar, forma parte da súa identidade e do seu valor patrimonial.

A plataforma SOS Estaleiro segue o seu camiño. Parabéns!! Dende aquí sumámonos á petición para que as administracións deixen traballar os expertos que, neste caso, son a suma de tódolos axentes sociais que traballan para facer esta "conservacción" efectiva.

image

Texto e fotografías por María Masaguer

More in this category: « H&B SonDoKiosko »
blog comments powered by Disqus