Mércores, 22 Maio 2013 15:33

HackLendas C&R #2

Written by 
A súa familia era dunha aldea no punto medio do triángulo entre Negreira, Mazaricos e Santa Comba. Ela nacera alí, nun cortello. O seu primerio bico foi unha lambetada dunha vaca. Pasou a infancia naquela aldea aprendendo a coñecer materiais, texturas, animais e prantas. O seu recordo máis impresionante foi o día que viu por primeira vez o mar. Un día a súa avoa colleu as chaves do coche sen que ninguén se dera de conta e dixera
- rapaza xa coñeces a terra, agora hai que presentarche ao mar. Fisterra, fin do mundo, corte abrupto de granito modelado polas ondas espumosas dunha masa de auga ben activa. Un horizonte de auga. A pregunta para a súa avoa foi - E cando se acaba toda esta auga, hai máis terra? Vive xente no fondo?.

Pasaron os anos e a vida levouna ao mar. Unha curmá dun tío dun veciño que traballaba nunha fábrica de conservas en Bueu pasou un día por alí e pensou que podería facer por adoptar a Sabela, tanto na casa como metela na fábrica a traballar como a súa aprendiz. Ela era unha muller viuva do mar que precisaba compaña e a familia de Sabela pensou que era unha gran oportunidade para ela para conseguir traballo, axudar con cartos na familia e, se todo ía ben, incluso casar cun rapaz deses das Rías Baixas que teñen cartos.

Sabela chegou a unha casa ao pé do mar. Pero era un mar distinto. Este parecía calmo, de mellor humor que o que vira nas terras do norte. Miles de barcos faenaban cada día nos portos, pero ela en vez de poder sair a ver que había máis aló estaba pechada nunha nave de trabes de ferro nunha cadea de procesado de peixe. Ese era o traballo das mulleres, iso sí, unhas mulleres tamén ben diferentes das que tivera coñecido ata o de agora.
Sabela foi adaptándose á súa nova vida envasando peixe mentres que as mulleres contaban as súas historias da vida cotiá. Pero ela estaba impresionada coas historias que contaban dos seus homes, de cómo era a vida nas terras alén do mar e das aventuras entre as ondas. Entretíase tamén pensando en cada un dos peixes que enlataba. Inventaba cidades sumerxidas, linguas de peixes, outros seres que habitarían no mar. Cada día abstraíase máis nos seus pensamentos pero a súa rapidez coas máns e a súa delicadeza na colocación dos peixes era única. - Que ben enlata esta rapaza!, dicían. En poucos meses Sabela pasou a traballar na cadea da liña de calidade, as mellores sardiñas eran as que pasaban polas súas mans.

Un día chegando á fabrica empezou a rodar un ruxe-ruxe de que estaban a aparecer seres fantásticos en Cataluña e seica dicían que éstes saían das latas de conserva que fabricaban na Massó. Ese día despedíron a Sabela por meiga. Que imaxinara cousas estaba ben, pero que contaminara coas súas ideas as latas da empresa non se podía permitir.

Ela saiu correndo ata un dos lugares máis altos, na fraga, un lugar chamado Castelo. Se son Moura terei que ir a buscar consello a un lugar máxico.  Mirou o mar e decidiu que era o momento de ir alá, pero cómo facerlle. Nese momento os carballos zoaron e un trasno apareceu detrás dunha silveira. “Sabela vai a Vigo, dende alí están saindo barcos cara América.  Estes días veu un Alux a visitarme e sae cara a súa casa de volta no barco de hoxe ás 3. Agárdate no peirao, o contrasinal para que saiba quen és e que vas da miña parte é #galyuc”. (pero esta é outra historia)".

A cousa é que despois duns anos nese outro lado do mar Sabela construiu unha casa nunha árbore nun penedo no medio do atlántico. O penedo medra ao mesmo ritmo que a súa casa e vai collendo formas e tecendo acantilados ou praias en función do humor que teña o mar ese día. Está, disque, a construir un negocio. Seica é, como se di agora, "emprendedora". E que fara? Pois seguir facendo latas de conserva pero desta volta non enchéndoas con peixe senon con ideas, ideas que combinadas crean superheroes específicos para cada un dos que queira abrir unha lata. Latas que non son herméticas, senón que viaxan abertas porque seica hai ingredientes que deben ser introducidos máis adiante. E as latas e as ideas son intercambiables, poden mudar, enredar, fragmentar, pegar. Só hai un perigo: que as veces hai pequenos virus que queren contaminar esas ideas.
A hackconserveira


blog comments powered by Disqus