Xoves, 11 Outubro 2012 10:28

O Níquel na Universidade de Oriente

Written by 

Aula Magna na UNO de Valladolid

Fai xa case un mes que algúns dos operarios niquelantes preparamos unha pequena conferencia, tentando non monopolizar endemais a palabra, cos estudantes da Licenciatura de Desenrolo Turístico na Universidade de Oriente (UNO). A iniciativa xurdiu porque María anda argallando como mestra con eses estudantes, nesas latitudes yucatecas, impartindo materias relacionadas co Turismo Cultural, Ecolóxico e Comunitario, ou o que sería o mesmo, tentando que o turismo entenda as Paisaxes de maneira integral, en clave de conservación e dende unha perspectiva comunitaria.

A ela e a Ámbar, a coordinadora da Licenciatura, pareceulles interesante aproveitar que unha boa parte do Níquel estaba por aquelas terras yucatecas. O título da conferencia foi: “Patrimonio, paisaxe e turismo: un modelo de xestión dende a sociedade civil organizada”. Incluiamos así varios temas e obxectivos que oscilaban entre o obxecto de estudo e a metodoloxía (o patrimonio, a paisaxe e a nosa perspectiva dende a conservación e a sustentabilidade) ata o mesmo concepto Niquelarte coa súa “actitude vital que se expande”.

 

Explicar cómo nacera Niquelarte e cómo foron crecendo e madurando as nosas ideas parecíanos unha boa mostra dalgo que podía espertar certo entusiasmo. Ao fin e ao cabo Niquelarte xurdiu como iniciativa dun grupo de amigos que cuestionaban moitas cousas da súa profesión e do mundo no que xa comezaran a exercer profesionalmente. Así manter un proxecto de maneira paralela ao de gañarse o pan, alimentar os espíritos e facer crecer o sentimento de que outro modo de face-las cousas é posible e tamén comezar a saber cómo facelas posible. Como dice Eduardo Galeano: “La energía creadora se desarrolla haciendo, y haciendo juntos. La militancia juvenil no languidece por falta de ganas, sino por falta de acción” (Ser como ellos y otros artículos, 1992).

Acción. Pero ¿Cómo se lles ocurren as ideas? Preguntaba un estudante ao ver proxectado ao Cigarrom Robot. A resposta foi dende varios átomos do níquel a mesma pero nas súas diferentes variantes: observando, paseando, charlando, compartindo, escribindo, recibindo críticas e puntos positivos, reescribendo. Argallando, actuando. Convertíndonos en perfís interdisdisplinares que funcionan en rede.

Ao fin do encontro recollimos o noso certificado das mans do director académico, México continúa a ser un país moi protocolario para estas cuestións. Pero como o Níquel sempre é un pouco traveso conseguiu que o maya e o galego apoderáranse da parte final do evento, sendo un toque máis do intercambio e reivindicación da necesidade de conservación das nosas culturas.

Moitas gracias alumnos por escoitarnos e cuestionarnos, estamos recibendo algúns dos vosos comentarios. Alégranos saber que o Níquel conseguiu pór en movemento algún que outro electrón. Aquí estamos esperándovos para a conexión intermolecular.

blog comments powered by Disqus