Domingo, 07 Abril 2013 15:06

#BIComún Bueu (01)

Written by 

Facendo en común

Chegamos ao Estaleiro do Purro ás 9:50 am do día 6 de abril para pór en marcha, na vila de Bueu, o que dende Niquelarte chamamos proxecto BIComun. E ás 10am xa se acercaban tres rapaces chegados de Cangas (Begoña, Ana e Diego) que viñan a participar do conto e que logo falaron de replicar o #BIComun en Cangas, iso sería estupendo!, podería ser quizáis na Baleeira da Massó...que riquiños!

Para resumilo en catro liñas, podemos dicir que consiste en expór nun lugar público fotografías de bens patrimoniais dese territorio e convidar aos habitantes a colocar uns autocolantes nesas imaxes. Éstes seguen un sinxelo código de cores que o que fai é convertir ao habitante nun dos nosos asesores, para facer unha diagnose colectiva. As cores responden a ideas de prantexamento sinxelo que fan pensar, de xeito agora complexo, sobre se os bens do patrimonio son coñecidos, se están ben/mal conservados ou se precisan dunha intervención.

Nunha segunda fase, xa para os máis argalladores, hai tamén a posibilidade de coller uns autocolantes en branco e enchelos cunha frase ou palabra que, segundo cada persoa, está relacionada con cada ben. Polo que puidemos ver onte, se a fase de cores invita máis ao diálogo sobre os bens poñendo autocolantes mentres se comenta en alto a decisión; a segunda fase é un exercicio máis interno, individual e en silencio, que sae do diálogo emocional. Nese momento é cando se xoga coa memoria, coa análise da realidade actual e coas proxeccións futuras. Na primeira fase pídese opinión e na segunda, reflexión.

Unha pregunta

Palabras clave: procomún, espazo público, educación patrimonial, ben cultural, memoria, identidade, historias, colectividade, escoitar, dialogar, conversar, participar, debuxos patrimoniais, documentar, opinar, cambiar de opinión, lexislación patrimonial, retroalimentar, interxeneracional, interactuar, replicar, xogos, autocolantes, cores, sentimentos, emocións...

Hagstag: #BIComun #oniquel #conservactivación

Participantes activos: arredor de 25 persoas.

Autocolantes:

.- De formas divertidas e de cores para diagnose: estrelas, cadrados, círculos e triángulos en vermello (VM): mal conservado, verde (VD): ben conservado, amarelo (AM): gustaríame que o reutilizaran e azul (AZ): non o coñezo.
.- En branco con palabras asociadas ao ben.

Montaxe

Ferramentas:

.- Material gráfico preparado no mundo dixital xunto a/por Arinspunk, impreso nunha copistería da vila. Este material consistiu en 10 fotografías dos bens patrimoniais que eliximos como protagonistas da diagnose; un par de carteis coa frase BIComun; a edición co nome do lugar, neste caso Bueu01; a dirección da BIComun e un cartaz específico cunha foto do estaleiro, protagonista, cunha pregunta directa e xeral: Como é que o conservamos?.

.- Material de papelería: autocolantes de cores, rotuladores, bolígrafos, papeis en branco.

.- Material de documentación: cámara de fotos e video, trípodes, algunha gravadora, o retido nas nosas cabezas a partires das escoitas.

Material gráfico

Diagnose Colectiva:

Mámoa: monumento funerario / do bosque monumental / casa do druida / ancellos / historia / maxia / lendas / noite
5VM+9AM+15AZ
Case ninguén o coñece, só os máis maiores, os que teñen algunha relación ca fraga. O abandono atribúenno á falla de sensibilidade institucional pero tamén a que estamos a esquecer a fraga. A xente dicía que habería quen puidera recuperar o espazo, onde asemade seica aínda viven os mouros.

Petroglifo: castiñeiros / abandono / aquelas pegadas (os grafitis) / parte viva da historia / abandono / caligrafías na historia / sobrevivinte / historia histórica / pedra / a través do tempo
10VM+6AM+15AZ+1V
Abandono, asfixiado pola vía rápida e sepultado no esquecemento. Case ninguén foi a visitalo nunca.

Lavadoiros: tradición / conversas / labores domésticas / vida, reunión, auga / xuntanzas / auga limpa / tradición / pureza / auga, auga
13VM+11AM+7AZ+1VD
Reuso e recuperación, non só das pedras senón tamén da auga. Hai que encher eses espazos de novo de vida, aínda que compitan coa lavadora.

Muiños: o son da auga / muiño / vida, auga / xenial / augas que corren / muiñeira / enerxía / natureza activada / enxebre / aproveitamento da natureza
12VD+ 6VM+10AM+3AZ
Moito verde, porque varias asociacións locais están a recuperalos. O da foto, o muiño do Tombo, está sendo coidado polos rapaces de motivos d´aldea. Os autocolantes vermellos van polos que aínda fallan. Moita cor amarela, moitas ganas de usar e buscar novos usos.

Casas mariñeiras: abandono / casas para habitar / añoranza / identidade / hábitat / aluminio, uralita / niño popular / o que non quixemos ser...por que?
2VD+14VM+14AM+2AZ
Mal conservadas, engulidas non polo feísmo senón cheas de cicatrices. Moitas fechadas, sen vida. Necesidade de recuperalas. A pregunta é: só a elas ou tamén as súas actividades?

Massó Bueu: cheminea/ modernidade / e o resto das conserveiras que? / falta a fábrica / traballo / testemuña do tempo / erramos / enfermidade / icono, non pinta nada
8VD+16VM+2AZ
Algúns pensan que a cheminea é suficiente e que o seu armazón metálico chega para conservala. Outros falan da destrucción de parte da historia do pobo, cando a tiraron. Icono, monopolio. Unha das fotos máis conflictivas, que provocou rexeitamentos, iras ou rancores; e que algúns pensaban que habería que ter derrubado para borrar esa parte da memoria.

Massó Cangas: reusos / museo, esperanza / unha xoia con vistas / máquinas novas / baleiro / espazos de pensamentos / esculturas do olvido  
4VD+15VM+9AM
A fábrica de conservas, irmá da de Bueu. Aínda está en pé, polo tanto é a posibilidade de resolver o erro cometido en Bueu. O seu estado de abandono e de ruína é cada día máis perigoso e a posibilidade de reusalo, coma museo segundo a maioría, ten que facerse realidade.  

A Roiba: industria / oportunidade / a industria / museo / posibilidades / o noso pasado / música mariña / economía local/ memoria /
9VM+16AM+5AZ
É a que conta con máis autocolantes amarelos. A xente quere que este edificio teña vida de novo. Pode que sexa a derradeira posibilidade de ter unha fábrica de salga recuperada en Bueu.

Mar adentro: aviso/ traballo / esquilmado/ referencias / contos líquidos / inmensidade / común / liberdade / paraíso
13VD+6AM+4VM
Bueu é ante todo unha vila mariñeira. A cantidade de cores verdes que encheu esta fotografía o demostra. Identidade mariña que cree que debe de se seguir mantendo e reinventando, tendo coidado e loitando contra as ameazas actuais que poñen en perigo esta especie buenense, metade homes de terra metade homes de mar.

Millo corvo: pan/ empanada boísima/ labor fantástica da asociación de Meiro/ futuro/ sementes interculturais / rexurdimento / cultura gastronómica / regar de noite / época de fame / rico / fame neghra / abaixo monsantos
18VD+4AM+4VM
Máis e máis verde. A xente recoñece que o Millo Corvo é un elemento imprescindible no Concello e goza de boa saúde. Nada que ver co que pasaba hai uns anos, cando estivo a piques de desaparecer. Por que tivo mudado a situación? Grazas a un proceso de conservactivación ben feito pola Asociación Cultural de Meiro. Pero agora hai que seguir traballando, hai algún colante amarelo que indica que debemos usalo (sembremos millo corvo dicían) e vermello (se non o facemos entre todos non funcionará).

Colaboradores/Catalogadores: Begoña Paz, Ana Germade, Diego Germade, Diana Barreiro, Maria Fe Pastoriza, Davide do Arroio, Olalla González, Marc Taeger, Rodrigo Otero, Rosendo Corral, Víctor Domínguez, Carmen García, Teresa Lourenzo, Llorenç Pujol, Xabier Bernárdez, María Masaguer, Xúlio Zé, María Novas, Martín Loureiro, Mario Bouza...e outros que non deixaron o nome pero que sabemos por onde é que pasean cando sae o sol.

Catálogo colectivo (os bens que faltan?_apuntes no cartaz verde-limón): O pan, Ermida de San Lourenzo, Forno Romano de Pescadoira, Ermida da Illa do Santo, Igrexa Santa María de Cela, Capela dos Santos Reis, Pazo de Santa Cruz, Capela de Santa Efixenia.

O cartaz verde-amarelo

Pinta e colga no muro un ben do patrimonio: un neno fixo un debuxo das embarcacións tradicionais.

Diagnosticando

Non só nós escollimos os bens que tiñan que estar expostos. Houbo un pequeno que non dubidou en coller uns rotuladores e dicir: "aquí faltan as embarcacións tradicionais!!!

Julio Pastoriza Gallego, novo asesor patrimonial de Niquelarte ;)


Saímos do Estaleiro do Purro ás 14pm, despois dunha intensa mañá chea de ledicias, xente linda e postas en común. Na intensidade do día, cun sol que brillaba iluminando un estaleiro bravo e fermoso e onde un mediocre muro metálico convertírase en sublime na fin de semana anterior, coa intervención de acondicionamento do valado do Estaleiro do Purro por parte da Coordinadora pola defensa do Estaleiro; pouco a pouco íanse sucedendo persoas, contos, lendas, historias vividas, pasadas, presentes e futuras, risas, fotos, dúbidas, recoñecementos de lugares, cuestións e moitas gañas de atender e coñecer o patrimonio, coidalo, sostelo, reutilizalo, conservactivalo...E eles déronnos a oportunidade de transportar a físico este proxecto que nace na rede e que onte formou parte dese muro que delimita o espazo público, pero que ten que estar aberto a tod@s. E ti, anímaste a prantar a sementeira?

blog comments powered by Disqus