Venres, 24 Maio 2013 09:38

Acontecementos da Asamblea Xeral Niquélica

Written by 

Reunímonos ás 10 am do sábado 18 de maio no espazo de Baleiro en Santiago de Compostela. Alí un rapaz ben riquiño, Daniel, abriunos a porta dese lindo espazo e quedou a charlar connosco un bo anaco para coñecérmonos e falar do que está a pasar neste camiño colectivo na Galiza. Unha das conclusións é que temos moitas preguntas comúns ás que contestamos con respostas semellantes ou complementarias. Que hai que sumar experiencias e coñecerse, seica necesario deixar de tecer redes máis loxanas e tentar achegarse ós veciños facendo unha convocatoria colectiva de reflexión física. Poucos son os espazos que temos para facelo pero os poucos que temos ás veces están baleiros....hai que vivir os espazos conxuntos non somentes na rede.

Tras esta primeira reflexión comezou o debate en físico con Berna, Pablo, Katy, Fran, María, Carola, Adela e Daniel, pero tamén en dixital cos que se sumaron, Rosa e Xúlio, para falares das inquietudes de todxs, de Niquelarte, dos proxectos en marcha, das necesidades que todxs temos, do futuro, da realidade presente e doutras cousas que foron xurdindo e puxemos en común. Tamén breves espazos para coñecerse, saber a que anda cada quen e ser quen de saber como vibra a enerxía de cada un.

Operarios

Entre tanto, expuxéronse algunhas das necesidades coas que se atopa o Níquel e a importancia de que continúen a formarse grupos de traballo onde cada quen que o desexe vaia insertándose e se sinta agusto para argallar/niquelar e facer as súas propostas persoais ou colectivas chegadas dende múltiples imaxinarios. Con tódalas ganas de aportar entre todxs as cargas iónicas.

Apuntes

Dende fai unhas semanas abriuse un foro comunitario nesta web ao que todxs podedes acceder coas vosas claves (se non tes a túa podes solicitarlla a María) e ir abrindo ese foro segundo os tempos e necesidades de cada quen, máis é importantes mantelo activado. Nel veredes que existen carpetas ás que un pode suscribirse para recibir as mensaxes na súa bandexa de entrada de correo electrónico. Non é preciso estar sumada a tódalas carpetas senón somentes a aquela/s que a cada un lle interese/n. Agora mesmo estamos a preparar un Newsletter/Carta de novas para facer chegar á xente suscrita vía email a actualidade do Níquel, para o cal un non precisa facerse socio nin colaborador pero é probable que queira estar informada e, se o desexa, aporte o que poda neste camiño de traballo en común que sembramos e imos regando con tantas ganas.

Nestas horiñas de conversa tamén houbo momentos para o doce (unhas pastas e unhas boliñas de coco caseiras), as reflexións, as discusións e o debate e houbo quen mapeaba en analóxico as verbas, ideas e conversas. Para rematar o modo xeral máis burocrático da asamblea, houbo renuncia e renovación dos cargos da Xunta Directiva, máis aínda quedan algúns espazos baleiros que encher e sería moi bo que alguén se animase se lle presta.

Polo tanto, seguimos a reflexionar sobre as redes distribuídas físico-dixitais, sobre a economía social, sobre as figuras legais e sobre como manter os ecosistemas de ideas para facelos reais e productivos nesta actualidade líquida na que as veces traballamos máis no futurible-soñado que no posiblemente práctico. O Níquel anda malabareando moitos proxectos e cada vez pensando máis na necesidade-viabilidade de producilos; o que implica ter tempo, xente riquiña e cartos. Como conseguilos? Polo momento facendo un chamamento a átomos neutros que queiran facer achegas económicas para producir os nosos próximos eventos e átomos ionizados para que manteñan esta enerxía activa niquélica que anda a fluir explosivamente nos últimos tempos, pero que de non seguir manténdose pode descargar unha batería na que todos debemos colaborar.

blog comments powered by Disqus