Martes, 01 Outubro 2013 14:25

REDsOpA: A experiencia de construir rede

Written by 

REDsOpA: Plataforma de rede semántica para o I congreso Internacional sobre Educación e Socialización do Patrimonio no Medio Rural. A parte experiencial da posta en marcha da rede.

 

REDsOpA nace como idea para experimentar a visualización do congreso sOpA´13. Esta visualización quere axudarnos a entendelo, aprehendelo. Poderiamos describir esta rede, a primeira vista, como unha araña-maraña de conceptos. Un congreso é un espazo de diálogo, de intercambio de ideas baseado nunha organización e en temáticas definidas. Un congreso componse dunha serie de nodos que se interconectan, que amosan conexións compartidas e configuran espazos de intersección.

Esta plataforma-rede semántica debía permitirnos xogar e navegar polas conexións xurdidas neste congreso, recollendo información dos proxectos obxecto de estudo-discusión e dos participantes involucrados no diálogo-reflexión. Quen somos os participantes?, de que imos falar?, que cousas comúns os relacionan?.
Contidos, autores e formatos de participación foron as seccións identificadas para poñer orde ao maremagnum de información. Construímos un formulario participativo que alimentaba unha base de datos onde cada participante decidía que información ía compartir. Pouco a pouco as temáticas, a personalidade dos diferentes axentes e as imaxes de cada un ían sumándose e relacionándose na táboa. Formábase así a nube semántica e o sOpA adquiría unha personalidade que non era senón a suma das personalidades individuais.

A REDsOpA rompeu entón a estrutura lineal e cronolóxica estática que normalmente caracteriza os congresos e foi capaz de presentarnos o sOpA como un espazo de conexión e de diagnóstico.

.- Espazo de conexión: os nodos da rede, relaciónanse cos datos do congreso, ao mesmo tempo que describen as súas propias características e nos enlazan as súas propias redes. Visualizamos cada proxecto dentro do conxunto pero tamén as súas características propias.


.- Ferramenta de diagnose, a REDsOpA funciona como un nodo centralizador dende onde visualizar as nosas relacións conceptuais. Recolle como participamos, os que somos e de que temas falamos. As relacións poden construírse de diferentes maneiras. Podemos crear as nosas propias nubes de diagnóstico buscando espazos de intersección entre os diferentes tipos de información recollida, compaxinando e xogando cos nodos e as etiquetas.

Estas dúas afirmacións, conexión e diagnose, eran eixos centrais da propia filosofía do congreso. O sOpA quería pór en contacto iniciativas que traballan en diferentes aspectos de socialización do patrimonio no rural. Quería ser un punto de encontro pero tamén un punto de reflexión sobre que tipo de proxectos e propostas teóricas, conceptuais, metodolóxicas estaban levándose a cabo en cada lugar. O resultado foi unha rede de proxectos con elementos que os diferencian e que os unen, pero que á fin e ao cabo, se encontran nun espazo de debate no que todos teñen experiencias e propostas que compartir, explicar, experimentar.

O formulario de recollida de datos para os participantes do congreso está de novo aberto. Podedes sumarvos neste link. De momento pedímosvos que sólamente o enchades aqueles que participastes no congreso. O día 7 de outubro pecharemos o formulario para deixar lista a instantánea do sOpA ´13 e comezar a traballar na seguinte fase da rede.

Que pasará con ela no futuro? Cara onde camiña?

Agora o reto é como converter a REDsOpA nunha estrutura de traballo. Establecer unha rede que se constrúa cada día entre todos, unha ferramenta colaboradora onde interactuar os uns cos outros, onde xerar dinámicas e contidos. Un lugar onde defender e elaborar o noso discurso como un crisol de posibilidades e experiencias. Como imos definir-facer socialización do patrimonio entre todos?. Detrás desta araña hai unha proposta de traballo en equipo, en equipos, en comunidade e comunidades. Sigan atentos ás súas pantallas!!!

Para esta segunda fase están a ser importantísimas as reflexións que pouco a pouco fochedes publicando nos vosos blogues persoais. Xa estamos a argallar como entrelazalos para comezar a construir a rede de discusión de contidos. Invitámosvos a que sigades publicando!! Mil gracias!!

Colaboraron na posta en marcha da REDsOpA: Juanjo Pulido, Sabah Walid, María Masaguer, Adela Vázquez, Mario Hidrobo, Sergi Hernández, Xúlio Zé, Irina Del Olmo

blog comments powered by Disqus