Martes, 16 Agosto 2016 16:18

Prazo #PEMAN 19 agosto

Written by 

O PEMAN aspira a converterse nun espazo novo de intercambio e produción de coñecementos a través dunha rede que conecta distintos grupos de investigación, comunidades de montes, centros de arte contemporánea, colectivos, movementos sociais e institucións diversas. Xúntanse para colaborar na construción de novas narrativas que aborden os tres eixos epistémicos propostos: comúns, ruralidades e feminismos.

O Programa investiga sobre o mancomún e a súa relectura e aprendizaxe, enlazándose con outras formas de facer comúns, así como coas vellas e novas formas de vivir o medio rural, o repoboamento ou as ruralidades non normativas. Aposta pola investigación arredor dos feminismos, a través dos cales aprendemos estratexias de re(ex)istencia, recuperando e vindicando a micropolítica.

A través desta convocatoria buscamos 7 persoas ou colectivos que queiran candidarse a facer unha proposta para dinamizar cada un destes Módulos (re)produtivos e que ha consistir en achegarse a un eixo temático, unha proposta de metodoloxia e un marco referencial no que esta sesión se inserta. A temática destes módulos (re)produtivos será libre, sempre que xire arredor dos 3 grandes eixos temáticos do PEMAN.

Procuramos propostas que apelen a cuestións como: Como afectan os comúns a xestión da terra? Poden os comúns practicarse noutros contextos? Pode o feminismo axudar a establecer outros vínculos entre as ruralidades e os comúns? Os movementos sociais son/fan parte da creación contemporánea á hora de tecer novos relatos? É posible poñer a vida no centro? Como é o rural hoxe? Que relacións se dan entre a cidade e o campo? Que poder transformador ten a hibridación dos comúns, das ruralidades e dos feminismos? (Estas cuestións son a modo orientativo).

Unha das sesións do PEMAN

Esta convocatoria enmárcase dentro dun programa co-financiado a través da convocatoria impulsada pola Fundación Daniel & Nina Carasso Arte Cidadá 2015 – Compoñer os saberes para comprender mellor os desafíos do mundo contemporáneo. Ten un carácter transdisciplinar na intersección entre arte, ciencia e sociedade. Aspiramos a ter propostas que vinculen estes mundos, que os hibriden, que se relacionen entre si. A metodoloxia é diversa e debe adaptarse a cada proposta temática, pero valoraranse as que vaian alén dunha charla ou conferencia e aposten por outros modos de facer.

DÍAS E LUGARES (a modo de orientación)

Sábado 26 de novembro en Carballo (Friol)

Sábado 10 de decembro en Allariz

Sábado 27 de xaneiro na Comunidade Veciñal de Vincios

Sábado 25 de febreiro no Alg-a Lab de Vigo

Sábado 24 de marzo no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo

Sábado 29 de abril: dúas sesións en Madrid no Medialab Prado

HONORARIOS:

A organización cubrirá os custes de desprazamento das persoas dinamizadoras seleccionadas. Tamén aportará 150 euros en concepto de honorarios pola dinamización da xornada.

COMO PARTICIPAR:

Aquelas persoas que desexen facer unha proposta deben enviar un correo a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo coa seguinte información (en formato pdf):

.- Título da proposta.

.- Nome e apelidos (poden participar persoas ou colectivos).

.- Breve CV (non máis dunha folla).

.- Proposta de dinamización da sesión. Aquí debes indicar, nun máximo de 2 páxinas, unha breve explicación.

.- Un documento asinado que inclúa: Eu xxx, ao participar na presente convocatoria confirmo que lín e acepto as bases da convocatoria, ao tempo que permito aos membros do xurado a lectura da proposta enviada.

Recibiranse solicitudes ata o 19 de agosto  12 de agosto de 2016, e o 15 de setembro farase pública a resolución a través da nosa web estudosenmancomun.gal.

OS CRITERIOS DE SELECCIÓN SERÁN:

.- Adecuación aos obxectos de estudo.

.- Claridade de ideas.

.- Innovación na proposta e metodoloxía na sesión.

.- Relevancia teórica da proposta.

.- Impacto da proposta na visibilización das problemáticas prantexadas.

.- Perspectiva crítica.

COMITÉ DE SELECCIÓN:

O Comité de Selección está composto polas persoas comuneiras do PEMAN, é dicir as participantes da 1ª capa de participación e a Coordinación do PEMAN.

Para obter máis información, Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Cartaz Convocatoria

blog comments powered by Disqus