Luns, 25 Xullo 2011 22:22

De-ambulatorio en Pardollán

Written by 


Os nosos amigos do Sorriso de Daniel convidáronnos este fin de semana a participar, con eles e coa Asociación Santoestevo, dunha acción voluntaria para devolverlle á igrexa románica de San Estevo o entorno que merece.

Botamos o sábado con eles, chegamos a Pardollán acollidos pola xente do pobo, explicáronnos como chegar á igrexa subindo polo camiño pegado á fonte. Foi Dona Manuela a que nos avisou que ía facer falta máis ferramenta e sobrar tanta cámara, en parte tiña razón. Cando chegamos arriba, polo carreiro empinado, atopámonos coa construción comida pola maleza, sobresaían os canzorros e sorprendía o equilibro da espadana.

Comezamos coa limpeza, mentres uns facían a roza outros achegábanse ós muros coas tesoiras de podar, descubríanse as cruces e placas das tumbas, distinguíanse os diferentes materiais de construción. Logo limpouse o camiño tras da igrexa, que chega ata o muíño. Este acumulaba a auga dun manancial cárstico no “banzao”, dende aí saía coa forza suficiente para moer.

Chegou a hora de comer, outra vez acollidos polos veciños, probamos o seu viño, o seu café, e a súa bebida espirituosa, sinto non poder lembrar o seu nome. Dona Manuela contounos que a igrexa levaba uns cincuenta anos abandonada. Algunhas imaxes estaban na igrexa nova pero outras partes do retablo quen sabe, ela fora bautizada alí e moita xente do pobo ten os seus familiares alí enterrados.

Volta ó traballo, pola tarde decídese limpar o interior, a terra acumulada, maleza e restos das lousas do teito agochaban outra sorpresa, o chan estaba feito cun empedrado de lousa.

Xa era hora de descansar e gozar da igrexa. O retablo non semella moi antigo, seguro que as imaxes axudarían a datalo. As partes feitas de castaño consérvanse ben mentres que as feitas noutra madeira están comidas polos xilófagos. É unha pena que tamén lle falten columnas e molduras.

Toda a igrexa conserva restos de encalados sobrepostos con pintura mural, ¿unhas catas diríannos o que esconden?. Na ábsida é onde máis conserva, aínda que formando placas e con sales.

Os muros fálannos da rica xeoloxía da zona, constituídos principalmente por sillares calcarios de orixe cárstica, lixeiros e moi porosos, acuñados con ripios de lousa. Os elementos decorativos labrados nunha rocha calcaria máis compacta. O arco e as xambas da porta principal, máis dúas pías labráronse nun conglomerado moi rechamante, pola súa cor ferrosa e a súa textura que na zona chaman “Barrallo” ou “Pedra de Pardollán”.

No exterior gozamos dos canzorros, do atrio lateral orientado ó sur, da escaleira que nos achega á espadana. Continuamos a botar en falta un tellado que protexa as cabeceiras dos muros da humidade e as plantas.

Así foi o noso dia. Agradecemos a O sorriso de Daniel, á Asociación Santoestevo e ós veciños de Pardollán permitirnos gozar da súa Igrexa e a súa compaña. Esperamos que non quede así e se consiga un proxecto de conservación- restauración e rehabilitación.

More in this category: « Paseando por Fontao
blog comments powered by Disqus